Hai uns tres anos dende que decidín comezar a aprender Godot e a facer o meu xogo Orcanize & Destroy. Nunca pretendín que fose un xogo serio e bo xa que o fixen principalmente para aprender, mais despois duns meses acabei deixándoo plantado no seu estado inacabado e moi lonxe da visión que eu tiña inicialmente. Claro que esa visión era demasiado ambiciosa para un proxecto así, pero aínda así quedoume esa espiña cravada.
A principios deste ano viume unha ondada de motivación e púxenme a traballar no xogo de novo durante un mes, aproximadamente, co obxectivo principal de traducilo ao galego e implementar por fin soporte para mando, e aproveitando para facer diversas melloras.
Por cousas da vida acabei parando de novo e non facendo nada co xogo no resto do ano, ata que o mes pasado estiven na Lérez Up con Godoteires e compartín o xogo e vin xente xogándoo (en fotos, que xusto ese día non estiven).
Esta semana volvín abrir o proxecto en Godot, comprobei que non había ningún bug que chamase demasiado a atención, e simplemente subino a itch tal e como estaba, en lugar de pasarme horas e horas perfeccionando detalles como fago de costume. Así que aí está a nova versión.
No futuro gustaríame volver a el e implementar polo menos un inimigo final e ondas no mar, para que non sexa completamente plano, pero a saber se volverei ter a motivación ou o tempo. Podes ver os cambios completos nesta versión aquí (en inglés): a parte do xa mencionado, céntranse en mellorar a experiencia de xogo e responder a algún feedback que obtiven nos anos pasados. Por exemplo, facer o principio do xogo máis ameno, ou dar máis variedade musical porque alguén se queixou de que non lle gustaba o metal (xd).