Torta de cabaza [Receita]

Hoxe tráiovos unha receita esencial do outono. Moi sinxela e riquísima. Ademais, con pouca modificación pode convertirse en torta de cenoura, ou de calquera outra cousa que se che ocorra.


Receita de Torta de Cabaza Vegana

  • Cociña: norteamericana 🇺🇸 🇨🇦
  • Tipo de prato: sobremesa 🍰
  • Dificultade: baixa 🟢
  • Equipamento necesario: molde para torta e forno
  • ⏱️ Tempo: ~1 h 25 min
    • Cociñando: 15 min
    • Esperando: 1h 10 min

Ingredientes:

(Cantidades para unha torta pequena, ⌀~20 cm)

Para a masa:

  • 200 g fariña
  • 4 culleres peq. canela
  • 2 culleres peq. sal (ou ao gusto)
  • 75 g margarina
  • 50 ml auga

Para o recheo:

  • 300 g puré de cabaza (se non sabes facer o puré, le a sección de notas)
  • 75 g nata de soia (ou, se non, calquera nata ou leite vexetal)
  • 40 g maicena (50 g se usas leite en lugar de nata)
  • 50 g azucre moreno
  • 2 culleres peq. canela
  • 2 culleres peq. noz moscada
  • 2 culleres peq. xenxibre (relado ou en pó)
  • 1 culler peq. clavo
  • Un chisco de sal

Instrucións:

  1. Mesturar os ingredientes da masa ata que quede unha masa homoxénea.
  2. Pechala nun envase ou envolta con plástico e deixar na neveira aprox. 30 mins., prequentar forno a 200 ºC e engrasar o molde con margarina.
  3. Pasados os 30 mins., sacar a masa da neveira, aplanala cun rodillo, e poñela no molde, dándolle forma.
  4. Fornear só a masa durante aprox. 10 min.
  5. Mentres a masa se fornea, mesturar os ingredientes do recheo.
  6. Rapidamente, sacar a masa do forno, verter o recheo nela, e volver meter no forno.
  7. Fornear durante aprox. 30 min ou ata que a masa endureza, sacar do forno, e deixala enfriar.

Notas:

  • Eu uso un molde de 20 cm de diámetro porque é o que teño. Pode que, por culpa diso, as cantidades non estean ben calculadas para un molde “normal”. En principio, para un molde estándar duns 25–26 cm, multiplica as cantidades que saen aquí por ~1.6.
  • Para facer puré de cabaza dende cero: corta a cabaza en pequenos cubos (garda as sementes! pódense comer tostadas), ferve os cubos de cabaza durante ~1 h, escurre a auga, e bate cunha batidora ata formar un puré. Eu adoito facer de máis e gardalo, xa que o uso noutras cousas, e tamén se pode conxelar.
  • Nos ingredientes da masa, eu poño bastante sal porque me gusta que quede unha masa salgada e que contraste co doce do recheo, pero podes reducir esa cantidade todo o que queiras ou incluso botarlle azucre, se queres unha masa doce.
  • Esta receita é apta para outras cousas ademais de cabaza. Eu probeina usando puré de cenoura en lugar de cabaza e queda ben. Pode que precises cambiar a cantidade de especias para que quede mellor. En caso de experimentar, recomendo probar o recheo antes de metelo no forno e así regularlle o azucre/especias se é necesario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *