Houbo unha tempada hai xa anos na que estiven bastante metido na comunidade de mods do Civilization VI. Para quen non o saiba, nesta franquía de videoxogos tomas o control dunha “civilización”, a cal é liderada/representada por unha personaxe histórica. O que é considerado unha “civilización” e o que non non está moi claro, e penso que sempre estivo bastante influenciado por unha perspectiva occidental e colonialista (aínda que no Civ. 6 xa comezaron a tomar decisións claramente afastándose diso, e espero que nun futuro Civ. 7, máis aínda), mais ese non é o tema desta publicación.
Se menciono isto é porque “España” sempre estivo representada na franquía (cos líderes Felipe II ou Isabel de Castela, dependendo da entrega) e, sen entrar en se iso é unha boa representación ou non, o certo é que como xogador galego sempre botei en falta representación da historia máis diversa (e dividida) de España. Sobre todo vendo como no Reino Unido si que podían ter oficialmente unha civilización inglesa e outra escocesa e outra celta… en lugar de recibir o tratamento español.
E así foi como decidín empezar co meu primeiro mod, o cal representaría a Galiza no xogo. Aquí vai un log detallado do proceso de deseño. Intentei que poida ser entendible/desfrutable incluso se non es familiar co xogo.
Bases do deseño de civilizacións en Civ. 6
(Podes saltarte esta sección se non che interesan as cousas técnicas detrás de todo disto)
As civilizacións no Civ. 6 sempre teñen certas características especiais que representan trazos característicos da civilización. Estas poden xeralizarse en:
- Unidades, edificios, ou distritos especiais, os cales substitúen aos seus equivalentes nas outras civilizacións (por exemplo, os ingleses teñen o sea dog como unidade especial, substituíndo ao privateer; e os “portos da mariña real”, un distrito que substitúe aos portos normais). Estes adoitan ser mellores ou notablemente diferentes que os seus equivalentes aos que substitúen.
- Habilidades especiais: efectos de gameplay persistentes durante todo o xogo, que inflúen moito en como xogas a civilización (no caso dos ingleses, a habilidade é “Museos británicos”, a cal mellora moito a eficiencia dos museos e dos arqueólogos).
- Habilidades de líder: similares ás habilidades especiais, pero están relacionadas coa personaxe que lidera a civilización, en lugar de con toda a civilización (no caso de Victoria, que lidera aos ingleses, a súa habilidade regala unidades militares ao construír portos noutros continentes).
Estas características, o que fan dende un punto de vista de deseño do xogo é potenciar unha maneira de xogar (e de gañar). No Civilization existen varias maneiras de gañar: existe a vitoria militar, a cultural, a científica, a relixiosa… Polo que para que unha civilización sexa competitiva coas demais, ten que definirse claramente nunha ou dúas desas posibles rutas. No caso da civilización inglesa, cos exemplos que puxen antes, claramente defínense como unha civilización militar e cultural. Escoller o enfoque do xeito de xogar dunha civilización debe ser o primeiro paso do deseño, xa que será a base sobre a que é representada toda a civilización.
A partir desa base, a elección de líder, de unidades, edificios, etc… debe todo servir para levar cara ese xeito de xogar, en lugar de estar estritamente restrinxido á historia da civilización. O gameplay é o primeiro e toda decisión de deseño ten que estar subordinada a iso. Isto non é un simulador histórico como Crusader Kings.
A civilización galega
O primeiro paso en deseñar como sería a civilización galega no xogo era escoller o seu xeito de gañar. Eu tíveno claro: cultural. Ningún dos outros tipos de vitoria me encaixaba con Galiza, salvo quizais o relixioso, do cal tamén falaremos.
Porén, eu partira xa dunha idea previa a coñecer as bases que expliquei, que era que Galiza tivese como unidade especial ao migrante, o cal substitúe ao colono. Esta é unha idea pouco ortodoxa, pois diría que a gran maioría (se non todas) as unidades especiais do xogo eran militares. Nunha civilización galega non me cadraba ter unha unidade especial militar, polo que botei un ollo ás unidades non militares do xogo e aí estaba o colono (é a unidade que se encarga de crear novas cidades). Galiza non é precisamente coñecida por colonizar novos lugares, pero si por emigrar a eles, e de aí saíu a idea do migrante: unha unidade que funciona igual que o colono, pero máis rápida e que pode atravesar fronteiras doutras civilizacións. Ademais, ao ser capturado, o migrante transfórmase nun traballador, evitando así a habitual estratexia do Civ. consistente en roubar colonos para obter cidades gratuítas. Isto faría a Galiza especialmente molesta e escurridiza na perspectiva do gameplay, ao mesmo tempo que reprensentaría unha parte importante da súa historia.
O seguinte, xa tendo en conta o principal obxectivo da civilización, era darlle unha habilidade especial que reflectise dalgún modo a cultura galega ao mesmo temo que aportase puntos cara esa vitoria cultural. Optei por representar a tradición marítima de Galiza: unha habilidade que dá bonificacións a distritos industriais, culturais, e de entretimento cando están construídos ao lado do mar, ademais de facer que os barcos de pesca otorguen puntos de cultura. Idealmente, isto incentivaría un xeito de xogar representativo da Galiza real (a grandes rasgos), favorecendo a explotación marítima e a poboación costeira.
García II e o Camiño
Paralelamente a todo isto, tamén tiña que decidir quen lideraría Galiza neste mod… acabei decidíndome por García II, simplemente por ser (para o meu entendimento, non son historiador), o único rei da Galiza (post-xermánica) que gobernou de forma independente a outros reinos ibéricos, e así poder xustificar mellor a presenza de Galiza como unha civilización propia no xogo.
Porén, García II sería somente a “cara” da civilización galega no xogo, xa que ningunha parte da súa historia me inspiraba a crear unha habilidade especial que cadrase ben co deseño cultural que tiña en mente; así que decidín que máis que representar de forma individual á Galiza de García II, representaría un periodo máis amplo, e que era importante culturalmente na Galiza dos séculos X–XI? O camiño de Santiago. Así que decidín asignar como habilidade “do líder” unha inspirada no Camiño, a pesar de que García II non tivese ningunha relación especial con este, que eu saiba. Despois de todo, o gameplay é o primeiro, e isto só era un proxecto amateur.
Así que: como podería representar o Camiño no xogo dun xeito que atase ben co enfoque cultural desta civilización? O primeiro era relacionalo dalgunha forma coas rutas comerciais, unha mecánica xa existente no xogo que otorga bonificacións ao establecer rutas entre cidades: ademais das bonificacións habituais, as rutas comerciais de Galiza dan puntos de fé e de cultura. Ademais, Galiza conta cun proxecto especial: construír un lugar de peregrinaxe. Isto otorga unha reliquia e un templo (case) gratuítos, así como puntos cara obter un gran profeta (necesario para fundar unha relixión). Por que un templo? porque é o edificio que permite almacenar reliquias, representando así a catedral de Santiago. Esta habilidade permitiría a Galiza ser competitiva tamén na vitoria relixiosa. Ao mesmo tempo, as reliquias son tamén unha forma de obter puntos cara unha vitoria cultural, atando así esta habilidade co obxectivo principal da civilización.
Por último, faltábame un elemento para completar o deseño da civilización, xa que unicamente implementara unha unidade especial, e normalmente hai dúas deste tipo. Deixárao para o final porque non tiña ningunha idea que me convencese de todo (e incluso a decisión final tampouco me convence), pero agora que xa tiña o Camiño como parte do mod, ocorréuseme unha idea que cadraba ben co deseño, así que tirei por ela: os albergues. Supoño que non son particularmente representativos de Galiza, pero non se me ocorría algo mellor. Os albergues, no xogo, serían edificios que potenciarían o turismo na cidade na que se constrúen. O turismo é a mecánica do xogo que leva á vitoria cultural: basicamente, a civilización con máis turismo, gaña. Así, os albergues axudarían no late game a obter esa vitoria.
Deseño gráfico
O deseño gráfico necesario para unha civilización personalizada son: iconas para as unidades/edificios/etc. especiais (as cales xa as poidéstedes ver nas imaxes anteriores e penso que é bastante evidente o que representan, mentres que para o proxecto especial escollín a típica cuncha de vieira do Camiño).
Despois disto, o máis importante para a identidade da civilización son o símbolo que a representa e a imaxe do seu líder. Para o símbolo escollín, obviamente, o cáliz do escudo de Galiza e as súas cores medievais (foi aquí cando descubrín que o cáliz foi simplemente escollido por similitude fonética e non porque represente nada particular galego, igual que León ten un león a pesar de que o seu nome non ten nada que ver con leóns).
A imaxe do líder é sen dúbida o máis complicado de facer (se se quere que quede ben integrado coa estética do xogo, claro), e as miñas habilidades co Photoshop aínda non eran as mellores. Acabei baseando a miña interpretación case enteiramente nesta imaxe de García II, da cal descoñezo a orixe:
Sobre esa idea principal, simplemente engadín unha cuncha de vieira para representar a súa habilidade no xogo, chegando así ao produto final:
(Tamén engadín unha cicatriz na cara por unha ferida que lera nalgún sitio que recibiu nunha batalla pero que agora mesmo xa non atopo por ningures XD)
Recepción
E así xa estarían todos os ingredientes para o produto final. O mod foi publicado no Nadal do 2017 e, para a miña sorpresa, obtivo rapidamente unha recepción moi boa. Aí foi cando a comunidade de modders do Civilization contactou comigo para invitarme ao seu Discord (descoñecía da súa existencia, eu simplemente buscaba todo o que necesitaba en google) e puiden aprender máis a fondo como se deseñan ben estes mods. Un usuario brasileiro, Rac98, contactou comigo e traduciu o mod de Galiza ao portugués, o cal me alegrou moitísimio. O mod rapidamente gañaría subscriptores e acabaría estabilizándose no redor de dous mil subscripcións simultáneas (é dicir, dous mil persoas usando o mod nos seus xogos). O cal era un número bastante bo para un proxecto de novato e para a civilización dunha cultura pouco coñecida internacionalmente.
No 2018, o usuario de Youtube Capitán Will Moran subiu unha serie let’s play xogando co meu mod, actualmente con case seis mil visualizacións no seu primeiro capítulo. No 2019, o usuario AdonisGaming93 (que resulta ser galego) subiu o vídeo Top 5 Custom Civ mods you NEED to try, no cal incluíu este mod. O vídeo ten actualmente 77 mil visualizacións.
Curiosamente, en 2021 (acabo de enterarme mentres escribía este post), o usuario británico Archie fixo un mod similar de García II para o Civilization V, diría que moi probablemente inspirado polo meu mod do Civ. 6. Así que tamén temos representación na anterior entrega.
Reflexións persoais
Aínda que en xeral quedei bastante contento con como me quedou, hai certos elementos cos que non quedei convencido. Principalmente o albergue, o cal non me parece que represente ben a unha civilización galega. Unha alternativa que pasou pola tormenta de ideas creo que era o hórreo, máis tampouco me parecía significativo suficiente, xa que realmente hai cousas similares a hórreos en case todo o mundo (e non encaixaba co resto do deseño). O dos barcos de pesca dando cultura tampouco me convence actualmente, aínda que dende a perspectiva do gameplay, funciona. Por último, o de representar o Camiño como algo relacionado con García II tampouco é moi satisfactorio, aínda que creo que está xustificado tal e como expliquei anteriormente.
Ideas de futuro abandonadas
Unha idea que quería explorar no futuro era a de dar un líder alternativo a Galiza, o cal probablemente tería sido Castelao, para dar unha representación máis moderna e non quedarnos só no medieval, pero obviamente non cheguei a levalo a cabo. Probablemente lle tería dado unha habilidade relacionada coa diplomacia e co uso dos migrantes (unha posibilidade que pensara era a de poder levar migrantes a cidades-estado para gañar influencia nelas).
Ademais, como no Civ. 6 existe a posibilidade de que unha personaxe poida liderar múltiples civilizacións. Tamén pensara en que en canto engadisen a Portugal ao xogo (o cal acabaron facendo no 2021), podería poñer a García II como líder alternativo de Portugal, representando así unha parte importante da súa historia (a vitoria sobre o condado de Portugal e o seu posterior nomeamento como primeiro rei de Portugal). Porén, cando chegou Portugal ao xogo, eu xa deixara abandonado este proxecto.
Mais nun futuro Civilization 7 (rumoréase que anda cerca), sen dúbida gustaríame reemprender un proxecto análogo, a poder ser conseguindo máis xente local e coñecedora coa que colaborar e así rebaixar o traballo e obter mellores ideas e feedback. Probablemente cando se anuncie ese Civ. 7 saberedes máis de min 😉