Estes últimos meses estiven aprendendo a usar Godot e facendo o meu primeiro videoxogo con el. Hoxe por fin podo publicar a primeira versión estable.
Orcanize & Destroy é un xogo arcade scroller horizontal no que tomas o control dunha orca que busca liberar o océano de humanos. Podes xogalo online no navegador ou descargalo na seguinte ligazón:
(Se xogas no navegador, pon o xogo en pantalla completa, será moito máis fácil. É posible que o xogo non vaia ben nalgúns navegadores. Proba noutro navegador ou a descargalo, nese caso)
Isto é unha demo/versión alpha que contén só unha parte do que me gustaría incluír no xogo. Con sorte no futuro irei engadindo máis cousas, se teño tampo que dedicarlle. No futuro máis inmediato, si que quero engadirlle soporte para mando e para móbil, pero de momento só é posible xogalo en ordenador con teclado e rato.
A continuación a descrición do xogo en galego, xa que no itch.io está en inglés:
Orcanize & Destroy
Orcanize & Destroy é un xogo arcade scroller horizontal “eat’em up”. Toma o control dunha orca nun océano infestado de humanos e libera a túa especie destes invasores.
Controis (poden cambiarse dentro do xogo):
- Z / X: acelerar / decelerar
- Esquerda / Dereita: rotar
- Arriba: virar / esquivar
- Barra espaciadora: impulso
- Escape: pausa (P se xogas no navegador)
Principios básicos
Golpea barcos para danalos e destruílos, pero ti tamén recibirás dano. Come humanos para sanarte. Ocasionalmente, terás a oportunidade de salvar outras orcas capturadas polos humanos: salvalas proporcionarache vidas extra, deixándoche continuar incluso despois de morrer.
Progreso
Gañarás niveles de busca ao destruír inimigos. Ao subir o teu nivel de busca, tamén subirá a variedade e dificultade dos inimigos. Ao principio só loitarás contra iates e ricos desprevenidos, mais pronto atoparás tipos de barcos máis ameazantes e armas apuntándote.
Nota: actualmente non hai máis progresión após chegar ás 5 estrelas.
Tamén gañarás adrenalina xogando de xeito ofensivo. Cantamáis teñas, menos dano recibirás e máis poderoso será o teu impulso. A adrenalina decae co tempo se estás un tempo sen gañar ningunha.
Movemento
O movemento é un elemento importante deste xogo, xa que precisarás nadar, saltar, e realizar acrobacias para superar aos teus inimigos. Durante o xogo, tamén gañarás certos records relacionados co teu movemento (salto máis alto, mellor acrobacia, etc.), proporcionándoche metas secundarias que podes comprobar na pantalla de Altas puntuacións (High scores) e compararte cas túas amizades e con xente de internet.
Entra na pantalla de consellos (Tips) dentro do xogo para máis información.
Calquera feedback é apreciado, e se deixades un comentario na páxina de itch.io, mellor!