Probablemente teñades escoitado esta frase algunha vez. É probable tamén que non comprendérades o que significa completamente. Aquí vou tratar de facer un pouco de divulgación sobre todo o que eu penso que implica este lema.
Comecemos polo principio: que é o veganismo?
A definición global e historicamente máis aceptada, discutiblemente a máis “oficial”, e á que eu me adscribo, é a seguinte:
“O veganismo é unha filosofía e forma de vida que procura excluír —tanto como sexa posible e practicable— todas as formas de explotación e crueldade cara os animais para comida, roupa, e calquera outro propósito (…).“
– The Vegan Society – Definition of Veganism
Comezando polo obvio: a definición de veganismo rexeita calquera forma de explotación animal, non só para a obtención de comida. Outras formas de explotación comúns que o veganismo tamén rexeita son a téxtil (lá, seda…), o entretimento (tauromaquia, cría/venta de mascotas…), ou a experimentación animal (cosmética, investigación…), por mencionar algunhas.
Logo, “o veganismo non é unha dieta” implica que unha persoa que segue unha dieta vexetal pero que continúa apoiando outras formas de explotación animal que podería evitar non pode ser considerada vegana. O aspecto ético é inseparable do veganismo, está na súa propia base. “O veganismo non é unha dieta” porque é unha loita social que busca crear un mundo mellor. Reducilo a unha dieta xoga en contra diso, sería como se reducísemos calquera outra loita a só unha parte concreta do que implica. Como se reducísemos o ecoloxismo a reciclar ou o anticapitalismo ao anticonsumismo.
O veganismo inclúe diversas dietas
Outra cousa que adoita confundir é o entender a “dieta vegana” como unha dieta singular, como se fose a dieta keto ou calquera outra dieta de moda. Cando se fala de “dieta vegana” (eu prefiro dicir ‘dieta vexetal’) fálase simplemente de non comer produtos animais. Non é ningunha especificación de como ten que ser a túa comida máis aló dese principio básico. Non existe unha dieta vegana, da mesma forma que non existe unha gastronomía vegana. Distintas culturas, crencias, alerxias, enfermidades, etc. poden incluír as súas particularidades no veganismo sen ningún problema. “Comer vegano” tampouco implica comer só comida “saúdable”, por moito que algunha xente insista.
Logo, “o veganismo non é unha dieta” tamén porque pode tomar diversas formas na dieta de cada persoa. Asociar o veganismo cunha forma de comer determinada (máis aló do seu principio básico), é perxudicial para o movemento.
A parte da que menos se fala: a inclusividade do veganismo
Pero, ademais do explicado arriba, hai unha parte da definición que moitas veces é ignorada incluso por xente vegana, e que penso que é igual de importante: “tanto como sexa posible e practicable“. Que significa isto?
Significa que, a nivel persoal, cada unhe pode evitar a explotación animal só ata certo punto. Esa parte é o que define ao veganismo non como algo absoluto, senón como algo flexible que inclúe a todo o mundo. Isto é: é a parte que asegura que calquera persoa pode ser vegana.
Un argumento común en contra do veganismo é o “o veganismo non é inclusivo / é privilexiado porque non todo o mundo ten acceso a opcións veganas”. Ignorando que unha dieta vexetal é obxectivamente máis accesible na gran maioría da sociedade occidental e que o grupo demográfico menos propenso a ser vegano é o home cis-hetero branco e rico1, este argumento falla tamén polo anterior: se alguén realmente se ve obrigade a consumir produtos animais, o veganismo tamén contempla e inclúe esa realidade. Este pode ser o caso de, por exemplo, persoas en situación de pobreza ou exclusión social que vivan en lugares con pouco acceso a vexetais2, ou tamén o de persoas con problemas de saúde que precisen algún produto animal3 para vivir ben.
“O veganismo non é unha dieta” tamén implica que hai persoas veganas que consumen produtos animais. Equiparar o veganismo a unha dieta exclúe a esas persoas e entón si que faría que este fose clasista e capacitista.
Concluíndo
Penso que, igual que sucedeu co vexetarianismo no seu momento4, hai unha presión grande sobre o veganismo para corromper o seu significado. Isto é visto tanto nos seus opositores, que buscan terxiversalo para argumentar na súa contra, como en xente máis ou menos afín que busca aproveitarse do movemento para beneficio propio (compañías fabricantes de comida, influencers, etc.). É importante coñecer ben as bases dun movemento tanto se se busca criticalo como apoialo, e por iso é importante insistir en lemas como este, mais tamén asegurarse de que se comprende todo o que implica.
Notas e referencias
- Disto non hai unha fonte concreta que o confirme, pero apóiase principalmente en estadísticas por raza, por xénero, por pertenza ao colectivo LGBTIQ+ (creo que aínda non hai un estudo formal disto), e por ingresos. (Tristemente non hai tantos ou son difíciles de atopar estudos deste estilo fóra dos EUA, mais creo que se poderían aplicar sen moita discrepancia a calquera país occidental).
- Penso, principalmente, no caso dos desertos alimentarios, algo que está moi relacionado co racismo e o colonialismo en certas partes do mundo. Aquí tedes un artigo dunha persoa vegana e indíxena discutindo máis a fondo estas interseccións.
- Cabe destacar, claro, que eses produtos animais (ou testados en animais) son normalmente medicación que só está dispoñible / é accesible dese xeito. Os produtos animais non son unha parte esencial da alimentación e sempre poden ser substituídos. Quizais no caso de certos problemas de saúde mental si que poderían incluírse dalgunha forma, máis ese xa é outro tema.
- O vexetarianismo, inicialmente, entendíase como unha dieta completamente vexetal e tiña normalmente bases éticas que ían máis aló da dieta, sendo así practicamente equiparable ao veganismo actual. Por iso se usaban termos como ovo-lacto-vexetarianismo que explicitaban que a persoa non era completamente vexetariana, senón que incluía tamén outros produtos. Co paso do tempo, o termo ‘vexetarianismo’ acabou corrompéndose, e o termo ‘veganismo’ foi inventado para separarse del.
Gustoume moito. Axudoume a entender moito mellor o veganismo, que non practico (como tantas outras cousas obxectivamente máis éticas que o meu estilo de vida actual), pero que respecto moitísimo e non descarto practicar no futuro. Fenómeno artigo.
Moi bo artigo!!!!moi informativo