Hoxe tráiovos a miña versión dos pasteis de nata! perfeccionada ao longo de numerosos intentos, e orixinalmente baseada nesta outra receita, a cal está moi boa pero queda algo lonxe do sabor e textura característicos que atoparías nuns verdadeiros pasteis de nata. Nesta receita fun incorporando ingredientes e técnicas que imitan mellor a crema da receita orixinal.
Receita de Pasteis de Nata Veganos
Versión vegana dos clásicos pasteis de nata portugueses.
- Cociña: portuguesa 🇵🇹
- Tipo de prato: sobremesa 🍰
- Dificultade: media 🟡
- Equipamento necesario:
- Moldes de pasteis de nata (ou de magdalena, ou calquera similar) e un forno
- ⏱️ Tempo: ~1 h 45 min (reducibles a só 45 min)
- Cociñando: ~20 min
- Esperando: 1h e 25 min (1h é opcional)
Ingredientes:
(Cantidades para uns 16 pasteliños)
Para a crema:
- 250 g leite vexetal
- 250 g nata vexetal (ou a mesma cantidade de leite)
- 40 g maicena
- 50 g azucre
- 2 culleres peq. cúrcuma
- 2.5 culleres peq. esencia de vainilla (ou 1 vaina de vainilla)
- 1 culler peq. canela en pó (ou 1 rama)
- Casca de medio limón
Opcionais para a crema:
- 2 culleres peq. salsa de tomate (tomate frito)
- 1 culler peq. levadura nutricional
- Un chisco de sal negro
- Un chisco de mostaza
Para os pasteis:
- 500 g masa follada
- Margarina ou aceite (para engrasar os moldes)
Instrucións:
- Nunha pota, quentar ata ferver todos os ingredientes da crema excepto a maicena e un pouco do leite (medio vaso). Remexer frecuentemente.
- Se estás usando vaina de vainilla, abrila cun corte lonxitudinal e botar na mestura.
- Se estás usando canela en rama, botala tamén enteira xunto coa casca de limón.
- A cor resultante debería ser amarela (alaranxada se usas o tomate frito). Se non está ao teu gusto, podes experimentar a variar as proporcións de ingredientes.
- Nun recipiente pequeno, mesturar a maicena co leite que reservaches (ou auga, se non tes máis leite) e remexer ben ata que quede homoxéneo, sen grumos.
- Cando a pota estea fervendo, poñer a fogo lento, retirar os ingredientes sólidos que botases (cascas, ramas, vainas), botar a mestura de maicena, e remexer ben durante un par de minutos. Verás que vai espesando.
- Despois deses 2 minutos, retirar a pota do lume e deixar repousar durante ~1 hora (opcional pero recomendado).
- Quentar o forno a ~190 ºC e engrasar os moldes.
- Enrolar a masa follada e cortar en rolos pequenos, da mesma altura que os moldes. En cada molde, poñer un dos rolos de masa, metendo os dedos no centro presionando cara abaixo e cara as paredes do molde, para abrilo e que colla a forma do molde. Normalmente é máis cómodo facelo cos pulgares mentres se suxeita o molde co resto dos dedos.
- Verter a mestura da pota nos moldes ata enchelos uns 3/4 da súa altura, e meter no forno durante ~20 minutos. Durante o forneado, é normal que a crema infle e é posible que verta por fóra dos moldes (por iso só recheamos 3/4 do molde), así que asegúrate de ter unha bandexa ou un papel debaixo.
- (Opcional) Despois dos 20 minutos (ou cando vexas que a masa está feita), poñer grill ou calor só dende arriba e subir a temperatura a 220 ºC durante uns minutos, para que se toste un pouco a capa superior. Vixiar para que non se queimen.
- Retiralos do forno en canto vexas que están ao teu gusto, e listo. Deixar que enfríen (a crema baixará, se estaba inflada), e servir con canela ao gusto.
Notas:
- A cantidade de crema indicada dá para encher uns 16 pasteliños, pero un paquete de masa follada dos que compras no súper (aprox. 200-250 g) só dá para 6 ou 8, así que compra mínimo 2 paquetes, se queres aproveitar toda a crema. Aínda así, se te sobra crema, podes gardala na neveira e comer como se fose natilla.
- Os ingredientes “opcionais para a crema” son para darlle un sabor máis similar á crema orixinal dos pasteis de nata, os cales conteñen xema de ovo. Se non queres complicarte ou arriscarte, podes simplemente non usalos e os pasteis quedan igualmente ricos (terán un sabor máis a vainilla-limón).
- Neses ingredientes, o tomate parece antiintuitivo pero cumpre dúas funcións: axuda a dar un pouco de cor e de sabor (xunto aos outros ingredientes) similar á xema de ovo. Se o usas, é importante usar unha salsa ben homoxénea (eu sempre uso tomate frito do que vén en brik), usar tomate triturado ou cousas simulares vai estropear os pasteis porque non ten a consistencia adecuada para mesturarse coa crema.
Isto é o que espero atopar nun BO blogue de receitas: conciso, ben explicado, nótase o cariño, sen os vicios do SEO, e sinto que coa info podería facer estes pasteis sen problema e que sei o que vai sair, para canta xente, etc. Adorei, en serio. Síntome animado a facer a receita.
Moi completa a explicación,con ganas de probar a facelos,seguro que saen xenial
Moi fáciles de preparar e riquísimos 🙂